sábado, 26 de noviembre de 2011

ORDE do 15 de xullo de 2011 pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé

O artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo, a acuicultura, a caza, a pesca fluvial e lacustre.
Neste marco competencial, a Lei 6/1993, do 15 de maio, de pesca de Galicia, introduciu o permiso de explotación como título administrativo habilitante para o exercicio da actividade extractiva, que foi desenvolvido polo Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira e pola Orde do 31 de maio de 1995, pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, en que se establecen as condicións para a obtención e revalidación do permiso de explotación de marisqueo a pé.
O establecemento desta habilitación administrativa permitiu poñer en práctica unha axeitada xestión dos recursos, manténdose esta figura xurídica na Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, e que establece no seu artigo 39.2 que a consellería competente en materia de marisqueo establecerá os requisitos para a obtención, renovación, perda ou suspensión das habilitacións para o exercicio do marisqueo.
Esta normativa, así como as modificacións contidas nesta disposición, recollen unha serie de factores que supoñen acompasar as medidas legais á actividade desenvolvida nas labores marisqueirps, en canto a que, desde mediados da década dos 90, o sector de marisqueo a pé sufriu unha importante transformación, pasando de ser unha actividade individual e meramente extractiva a outra organizada e en que se realizan traballos complementarios como o traslado de semente, limpeza de bancos marisqueiros, actividades de semicultivo necesarias para a mellora da produción, actividades de coidado, control, seguimento, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros.
A situación achegada pola incorporación e organización destes traballos complementarios, que figuran na maioría dos plans de explotación de marisqueo a pé xunto coas normas que regulan a explotación, e a súa realización, é fundamental para acadar unha explotación sustentable dos bancos marisqueiros, sendo necesario que as organizacións que planifican e desenvolven estes traballos conten coa colaboración e compromiso das mariscadoras e mariscadores para a súa realización. Por este motivo, e dado que son actividades necesarias para a sustentabilidade da actividade do colectivo e ante as demandas do sector, considérase necesario exixir ter realizado unha actividade suficiente para poder renovar o permiso de explotación a pé, de maneira que se computen a asistencia e participación nestos labores para a continuidade da vixencia desta habilitación.
Así mesmo, as mariscadoras e mariscadores, dentro do réxime especial dos traballadores do mar, encádranse como traballadores autónomos. Porén, a Orde do 31 de maio de 1995, pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, establece unha actividade extractiva mínima para poder renovar o permiso de explotación.
Ademais, é obrigado sinalar que as mulleres conforman a inmensa maioría do sector do marisqueo a pé, e que, a pesar da progresiva incorporación das mulleres no ámbito laboral, a división das tarefas segue levándose a cabo en función do xénero. É necesario, pois, establecer medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral para este colectivo laboral de xeito que, ante as demandas do sector, se introduce a figura da suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación, que tamén contribuirá a garantir o dereito á suspensión da actividade laboral recoñecida as traballadoras e traballadores por conta propia que son vítimas de violencia de xénero e que permitirá incorporar á normativa o sistema específico de cesamento de actividade dos traballadores autónomos.
Todo isto, xunto coa necesidade de facilitar e axilizar os procedementos administrativos, determina a necesidade de elaborar un novo marco normativo para a regulación do permiso de explotación de marisqueo a pé.
En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e demais normativa de aplicación, oído o sector interesado,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto.
Esta orde ten por obxecto regular o outorgamento, a renovación e a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación para o marisqueo a pé.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
Esta orde será de aplicación aos permisos de explotación para o exercicio do marisqueo, da recollida de algas e poliquetos na zona marítimo-terrestre en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 3. Titularidade e vixencia.
1. Os permisos de explotación regulados nesta orde serán expedidos a nome dunha persoa física, terán carácter individual e intransferible.
2. A súa validez terá unha duración dun (1) ano e será renovado de acordo co procedemento establecido nos artigos 11 e 12 desta orde.
Artigo 4. Zonas e especies autorizadas.
1. Con carácter xeral, os permisos de explotación recollidos nesta orde habilitarán para exercer a actividade nas zonas marisqueiras marítimo-terrestres dacordo coa distribución xeográfica establecida no anexo I desta orde.
2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Consellería do Mar poderá autorizar, a través de plans de xestión e para determinados recursos, que persoas autorizadas a mariscar nunha das zonas definidas no anexo I poidan mariscar noutras zonas.
3. O permiso de explotación habilitará para extraer as especies que nel se recollan e conterá a información segundo o modelo que figura como anexo II desta orde. A compatibilidade da explotación entre recursos decidirase no momento de aprobar os plans de xestión, de acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.
CAPÍTULO II
OBTENCIÓN DO PERMISO DE EXPLOTACIÓN PARA O MARISQUEO A PÉ
Artigo 5. Requisitos para a obtención do permiso de explotación.
1. Para obter o permiso de explotación de marisqueo a pé, as persoas solicitantes deberán cumprir cos requisitos establecidos no artigo 17 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro.
2. A eficacia do permiso de explotación está condicionada a que a persoa titular se afilie ao réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.
Artigo 6. Procedemento para a obtención do permiso de explotación.
1. De acordo co artigo 2 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, e unha vez aprobados os plans de xestión para a extracción de moluscos, recursos específicos e algas, a xefatura territorial da Consellería do Mar competente polo seu ámbito territorial, poderá iniciar o proceso de selección das persoas candidatas para a obtención do permiso de explotación.
2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, a xefatura territorial poderá autorizar con anterioridade ao proceso de selección que persoas que posúan un permiso de explotación, cambien de entidade asociativa titular dun plan de xestión sempre dentro da zona a que se refire o artigo 4.1. As condicións e procedemento para autorizar este cambio serán as establecidas nos artigos 9 e 10 desta orde.
3. O prazo de presentación de solicitudes para a obtención do permiso de explotación será de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no taboleiro de anuncios das xefaturas territoriais e na páxina web http://conselleriamar.xunta.es. A resolución tamén se exporá, con carácter informativo, nos taboleiros de anuncios das xefaturas comarcais correspondentes da Consellería do Mar, así como no taboleiro de anuncios da confraría ou entidade asociativa solicitante.
4. A xefatura territorial da Consellería do Mar poderá reservar, de forma motivada, ata un máximo do 10% das prazas ofertadas, co fin de promover a incorporación de mozos ao sector, así como de persoas en risco de exclusión social.
5. As persoas interesadas dirixirán as súas solicitudes á xefatura territorial, segundo o modelo que figura no anexo III desta orde e que tamén estará á disposición na guía do cidadán da páxina web http://www.xunta.es. As solicitudes presentaranse nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería do Mar, no rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
6. A documentación que se presentará coa solicitude é a seguinte:
a) Xustificante de ter aboado as taxas correspondentes.
b) Copia compulsada do documento nacional de identidade. Esta copia só se presentará no caso de non acreditar consentimento expreso para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao sistema de verificación de datos, dacordo co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos, e a Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o antedito decreto.
c) Copia compulsada da documentación acreditativa de cada un dos aspectos que se van valorar segundo o baremo aprobado pola Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.
d) Declaración responsable de que cumpre cos requisitos exixidos no artigo 17 c), e), f) e g) do Decreto 425/1993, do 17 de decembro. Os perceptores da pensión da renda de integración social en Galicia poderán acceder ao proceso de selección e deberán renunciar a ela no momento do outorgamento do permiso de explotación.
7. De conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude non reúne os requisitos sinalados requirirase a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles a emende, con indicación de que se así non o fixer se lle terá por desistida da súa petición logo de resolución expresa.
8. As solicitudes presentadas que cumpran cos requisitos establecidos serán valoradas de acordo co baremo recollido no artigo 8 desta orde.
9. Unha vez baremadas as solicitudes, a xefatura territorial publicará, nos mesmos lugares e cos mesmos efectos que os previstos no número 3 deste artigo, unha relación provisional indicando a puntuación acadada por cada unha das persoas seleccionadas. Así mesmo, nesta relación recolleranse as persoas excluídas do proceso e as causas da dita exclusión.
10. Contra esta relación provisional, as persoas interesadas poderán presentar, ante a xefatura territorial da Consellería do Mar, cantas alegacións consideren oportunas no prazo máximo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios das xefaturas territoriais e na páxina web http://conselleriamar.xunta.es .
11. Finalizado o prazo de presentación de alegacións e unha vez analizadas estas, a xefatura territorial emitirá unha resolución coa relación definitiva das persoas seleccionadas e non seleccionadas, que será exposta nos lugares e cos mesmos efectos previstos no número 3 deste artigo.
12. As persoas seleccionadas deberán presentar, no prazo máximo de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da relación definitiva, a documentación acreditativa que xustifique os aspectos recollidos no artigo 6.6.d), así como dúas fotos tamaño carné. De non facerse no prazo establecido, entenderase que desiste da súa solicitude.
A documentación que acredita estar empadroado nun municipio do litoral de Galicia non será necesario que se presente no caso de consentimento expreso da persoa interesada, para comprobar os datos de residencia mediante consulta ao sistema de verificación de datos de acordo co Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009.
Artigo 7. Resolución.
1. A resolución concedendo ou denegando o permiso de explotación para o marisqueo a pé, será ditada polas xefaturas territoriais da Consellería do Mar, conforme o sinalado no artigo 6 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro. Ás persoas seleccionadas que presentaron en prazo a documentación sinalada no artigo 6.12 desta orde, notificaráselles a resolución, indicándolles que deberán estar en posesión do certificado de mariscador para obter o permiso de explotación de marisqueo a pé.
2. Na resolución faranse constar as especies e zonas autorizadas.
3. O prazo máximo para notificar a resolución expresa será de tres (3) meses, contados a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente, transcorrido o cal, de non se ditar resolución expresa, entenderase desestimatoria.
4. A resolución notificarase conforme o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro.
5. Os permisos de explotación para marisqueo a pé axustaranse ao modelo recollido no anexo II desta orde.
6. A relación definitiva de persoas non seleccionadas que non foron excluídas do proceso selectivo, constituirá unha lista de reserva que terá unha vixencia dun (1) ano contado desde o día seguinte ao da data da resolución da xefatura territorial.
7. A confraría de pescadores ou entidade asociativa, de conformidade coa agrupación sectorial, de estar constituída, poderá solicitar á xefatura territorial correspondente o emprego da lista de reserva nos seguintes supostos:
a) Cando se produzan vacantes durante o proceso de outorgamento.
b) Cando se produzan vacantes durante a vixencia dos plans de xestión correspondentes.
8. En ningún caso, a lista de reserva, poderá ser empregada nunha confraría ou entidade asociativa distinta a aquela en que se levou a cabo o proceso de selección.
9. No caso de que as persoas incluídas na lista de reserva teñan a mesma puntuación, o desempate resolverase segundo o establecido no baremo para o acceso ao permiso de explotación.
Artigo 8. Baremo.
1. A valoración das solicitudes presentadas para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé farase de conformidade cun baremo que será aprobado por resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.
2. Este baremo será publicado no Diario Oficial de Galicia e será exposto, para os efectos meramente informativos, nos taboleiros de anuncios das xefaturas territoriais e xefaturas comarcais da Consellería do Mar, das confrarías de pescadores ou entidades asociativas do sector.
3. No baremo teranse en conta os seguintes criterios:
a) Estar en posesión da tarxeta de demandante de emprego.
b) Formación.
c) Estar empadroado nun concello do ámbito da confraría de pescadores ou entidade asociativa, titulares do plan de explotación en que está prevista a incorporación.
Artigo 9. Condicións para o cambio no permiso de explotación da entidade asociativa titular dun plan de xestión.
1. A xefatura territorial da Consellería do Mar poderá autorizar que persoas que posúen permisos de explotación para o marisqueo a pé cambien de entidade asociativa titular dun plan de xestión, baixo as seguintes condicións:
a) Que a persoa solicitante cambiase de domicilio por causa debidamente xustificada e acreditada dentro dalgún dos seguintes supostos: ser vítima de violencia de xénero ou ter a cargo persoas en situación de dependencia.
b) Que no plan de xestión aprobado á confraría ou entidade asociativa de destino estea autorizada unha ampliación do número de permisos de explotación ou a cobertura de vacantes, e no que conste a reserva de prazas para as posibles persoas interesadas en cambiar de entidade.
c) Que exista informe favorable, debidamente motivado, para efectuar o cambio por parte das entidades de orixe e destino. Cando nunha confraría exista agrupación sectorial constituída será preceptivo o seu informe.
2. No suposto de plans de xestión conxuntos nos cales os cambios de confrarías ou entidades non supoñen un incremento do esforzo pesqueiro total, estas condicións non serán necesarias. Non obstante a posibilidade de cambio si debe estar recollida no plan de xestión.
Artigo 10. Procedemento para o cambio no permiso de explotación de entidade asociativa titular de plan de xestión.
1. As persoas interesadas dirixirán as súas solicitudes á xefatura territorial da Consellería do Mar, segundo o modelo que figura no anexo IV desta orde e que tamén estará á disposición na guía do cidadán da páxina web http://www.xunta.es. As solicitudes presentaranse nos mesmos lugares que os previstos no artigo 6.5 desta orde.
2. A documentación que se presentará coa solicitude para acreditar as condicións do artigo 9.1.a), será a seguinte:
a) No caso de ser vítima de violencia de xénero, acreditarase por calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
b) No caso de ter a cargo unha persoa en situación de dependencia, acreditarase mediante informe das condicións de saúde, informe dos servizos sociais ou resolución de recoñecemento da situación de dependencia.
3. No caso de que o número de prazas dispoñibles sexa inferior ao número de solicitudes de persoas que cumpren as condicións establecidas no artigo 9, as peticións resolveranse tendo en conta a orde dos supostos establecidos no punto 1.a) do artigo mencionado, e se concorre a mesma causa resolverase en favor da persoa que acredite estar nesa situación con anterioridade.
4. A xefatura territorial comunicará ás confrarías ou entidades asociativas (de orixe e destino) os cambios autorizados co obxecto de determinar o número de prazas vacantes finais que se ofertarán para a obtención de novos permisos.
5. A xefatura territorial resolverá a petición e, se é o caso, expedirá unha nova tarxeta do permiso de explotación de marisqueo a pé que reflicta as modificacións de afiliación da persoa titular do permiso.
CAPÍTULO III
RENOVACIÓN DOS PERMISOS DE EXPLOTACIÓN DE MARISQUEO A PÉ
Artigo 11. Requisitos para a renovación do permiso de explotación.
1. A renovación do permiso, que se realizará anualmente, requirirá acreditar ter realizado actividade suficiente, entendendo como tal aquela que se realiza de modo efectivo durante un mínimo do:
a) 70% dos días que foron efectivos dos autorizados para a extracción dentro do plan de xestión da confraría ou entidade.
b) 95% dos días efectivos dos autorizados dentro do plan de xestión da confraría ou entidade para o traslado de semente, a limpeza de bancos marisqueiros, as actividades de semicultivo necesarias para a mellora da produción; así como os traballos de control, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros que foron autorizados con carácter xeral no marco do plan de xestión. Os días empregados nas actividades anteriores computarán para os efectos de renovación do permiso de explotación, sempre que así estea recollido no plan de xestión aprobado.
2. Para os efectos de calcular as anteditas porcentaxes teranse en conta as seguintes situacións:
a) Descontarase do período efectivo e autorizado o tempo durante o cal a persoa titular permanecese inactiva por causa de forza maior debidamente xustificada, por ter recoñecidos dereitos pola Seguridade Social por ser vítima de violencia de xénero, e por atoparse nalgunha das seguintes situacións protexidas pola Seguridade Social: incapacidade temporal, maternidade ou paternidade, por nacemento de fillo/a, adopción ou acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación natural.
b) No caso de que unha persoa participe en varios plans de xestión, para renovar o permiso de explotación computará o total dos días de traballo autorizados e que fosen efectivos para todos os plans en que participe, sen que poidan contabilizar días de actividade por duplicado.
3. Ademais do indicado nos puntos anteriores, as persoas solicitantes deberán reunir os mesmos requisitos que para a súa obtención. A perda dos requisitos para a obtención do permiso dará lugar á súa retirada mediante o procedemento correspondente e logo de audiencia á persoa interesada.
Artigo 12. Procedemento para a renovación do permiso de explotación.
1. A renovación do permiso de explotación para o marisqueo a pé realizarase anualmente e levarase a cabo ordenadamente por áreas xeográficas, segundo o calendario que para cada provincia e confraría ou entidade asociativa do sector se estableza mediante resolución da xefatura territorial da Consellería do Mar. Na resolución establecerase o prazo para presentar a solicitude.
2. As persoas titulares de permiso dirixirán as súas solicitudes de renovación á xefatura territorial da Consellería do Mar, segundo o modelo que figura no anexo V desta orde e que tamén estará á disposición na guía do cidadán da páxina web http://www.xunta.es. As solicitudes presentaranse nos lugares mencionados no artigo 6.5 desta orde.
3. Coa solicitude presentarase a seguinte documentación:
a) Para acreditar o recollido no artigo 11.1.a), a información relativa ás vendas en lonxa ou punto de venda autorizado, realizadas durante o ano natural inmediatamente anterior, será a que figure en poder da Consellería do Mar.
b) Para acreditar o recollido no artigo 11.1.b), un certificado da entidade titular do plan de xestión en que se faga constar a porcentaxe dos días autorizados para o traslado de semente, a limpeza de bancos marisqueiros, así como as actividades de semicultivo necesarias para a mellora da produción e os traballos de control, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros. No certificado incluirase:
1.º As datas dedicadas pola persoa solicitante ás tarefas relacionadas anteriormente, expresando en todo o caso os días e meses en documento selado e asinado polo/a presidenta/e da agrupación sectorial, de estar constituída, ou, en caso contrario, pola persoa representante da confraría ou entidade asociativa.
2.º A información necesaria sobre o desenvolvemento das actividades, que permita calcular se a persoa solicitante cumpre a porcentaxe necesaria para renovar o permiso de explotación.
c) Informe de vida laboral en que conste o período en que a persoa solicitante estivo dada de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar. Non será necesario presentar esta documentación no caso de consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.
d) Xustificante de ter aboado o pagamento das taxas correspondentes.
e) Certificado que acredite que se reúne o requisito previsto no artigo 17.f) do Decreto 425/1993, do 17 de decembro. A presentación desta documentación non será necesaria no suposto de consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.
f) Dúas (2) fotografías tamaño carné, que deberán actualizarse cada cinco anos a partir da data de obtención do permiso de explotación. A xefatura territorial remitirá ás confrarías ou entidades asociativas do sector a relación das persoas que deberán presentar esta documentación.
4. De conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude non reúne os requisitos sinalados requirirase a persoa interesada, para que nun prazo de dez (10) días hábiles a emenden, con indicación de que se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa petición logo de resolución expresa.
Artigo 13. Resolución.
A resolución das solicitudes realizarase de conformidade co establecido nos números do 1 ao 4 do artigo 7 desta orde.
CAPÍTULO IV
SUSPENSIÓN TEMPORAL DA VIXENCIA DOS PERMISOS DE EXPLOTACIÓN
Artigo 14. Cesamento temporal da actividade para conciliar a vida persoal, familiar e laboral.
Co obxecto de promover a igualdade real entre mulleres e homes mediante a inclusión de medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, a Consellería do Mar poderá acordar a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación ás persoas titulares destes, nos seguintes supostos:
a) Por coidado dun fillo ou filla ata un período máximo de tres (3) anos, tanto se é por natureza como por adopción ou acollemento, contado desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.
b) Por coidado dun familiar ata o segundo grado de afinidade ou consanguinidade, que por razóns de idade, accidente, enfermidade ou discapacidade non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída, ata un período dun (1) ano prorrogable mentres se manteña a mesma situación.
Artigo 15. Cesamento temporal da actividade en situacións de violencia de xénero.
1. A Consellería do Mar poderá acordar a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación ás vítimas de violencia de xénero que se ven na necesidade de abandonar a súa actividade laboral para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, unha vez rematados os dereitos recoñecidos pola Seguridade Social ás persoas traballadoras autónomas.
2. A suspensión poderá acordarse por un período dun (1) ano en función dos informes ou sentenza xudicial e ata un máximo de dezaoito (18) meses desde o recoñecemento de dereitos por este motivo pola Seguridade Social.
Artigo 16. Outros supostos de suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación por cesamento de actividade.
Ademais das situacións recollidas nos artigos 14 e 15, a Consellería do Mar poderá acordar a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación cando a persoa titular do permiso de explotación estea nalgunha das seguintes situacións:
a) Situación de incapacidade permanente total ou incapacidade permanente absoluta e que, en ambos os dous casos, sexa de carácter revisable. Neste suposto, a suspensión poderá outorgarse por un período máximo dun (1) ano contado desde a data de resolución da incapacidade, prorrogable por un período igual, ata un máximo de dous (2) anos.
b) Ter recoñecido o dereito á acción protectora por cesamento de actividade, de conformidade coa Lei 32/2010, do 5 de agosto, pola que se establece un sistema específico de protección por cesamento de actividade dos traballadores autónomos. A suspensión outorgarase polo período de duración do dereito.
Artigo 17. Condicións para a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación.
1. Poderá suspenderse temporalmente a vixencia do permiso de explotación nos supostos anteriores, sempre e cando na persoa solicitante se dean as seguintes condicións:
a) No caso dos supostos recollidos no artigo 14, que teña polo menos un (1) ano de antigüidade como titular dun permiso de explotación para marisqueo a pé.
b) Non ter actividade laboral retribuída, sen prexuízo de percibir unha prestación económica por coidados no ámbito familiar dunha persoa dependente de conformidade coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
c) Estar ao día coas obrigas que poida ter como membro da entidade a que está asociada e/ou da agrupación en que estea integrada.
2. Non se exixirá que transcorra un período mínimo de actividade entre dúas resolucións de suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación.
3. A suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación deberá ser prorrogada anualmente xunto coa solicitude de renovación do permiso de explotación, de conformidade co establecido no artigo 18.3.
4. As persoas que teñan suspendida temporalmente a vixencia do seu permiso de explotación manteranse incluídas nos plans de xestión, o que permitirá que reinicie a actividade, logo de comunicación á xefatura territorial do cesamento da causa que orixinou a suspensión.
Artigo 18. Procedemento para a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación.
1. As persoas interesadas dirixirán as súas solicitudes á xefatura territorial da Consellería do Mar, segundo o modelo que figura no anexo VI desta orde que tamén estará á disposición na guía do cidadán da páxina web http://www.xunta.es. As solicitudes presentaranse nos lugares mencionados no artigo 6.5 desta orde.
2. Coa solicitude presentarase a seguinte documentación:
a) Aquela que acredite que se atopa nalgunha das situacións recollidas nos artigos 14 ao 16:
1.º Cando unha persoa solicite a suspensión da actividade por coidado dun fillo ou filla deberá presentar a documentación que acredite a data de nacemento no caso de ser por natureza, ou ben a resolución xudicial ou administrativa, nos casos de adopción ou acollemento.
2.º Cando a persoa titular solicite a suspensión da actividade por coidado no ámbito familiar dunha persoa dependente, acreditará tal situación mediante informe das condicións de saúde, informe dos servizos sociais ou resolución de recoñecemento da situación de dependencia.
3.º Cando a persoa titular sexa vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación por calquera da formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo.
4.º Cando a persoa titular do permiso estea en situación de incapacidade permanente total ou incapacidade permanente absoluta revisables, achegarase informe do Instituto Social da Mariña, salvo consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.
5.º Cando a persoa titular estea en situación de protección por cesamento de actividade por ter recoñecidos dereitos pola Seguridade Social, achegarase informe do Instituto Social da Mariña, salvo consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.
b) Informe de vida laboral, salvo consentimento expreso da persoa interesada para que a Consellería do Mar consulte estes datos.
c) Certificado da entidade titular do plan de xestión en que se faga constar que a persoa solicitante está ao día coas obrigas que poida ter como socia da confraría ou entidade a que está asociada e/ou da agrupación sectorial en que estea integrada, de estar constituída.
3. A suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación deberá ser prorrogada anualmente xunto coa solicitude de renovación do permiso de explotación. Coa solicitude achegarase a documentación que acredite que a persoa titular se atopa nalgún dos supostos recollidos nos artigos 14 ao 16, ademais da recollida nos artigo 12.3.c), d), e) e 18.2.c). Non obstante, cando a solicitude de suspensión se motive polo suposto recollido no artigo 16.a), non se precisará acreditar o cumprimento do requisito establecido no artigo 12.3.e).
Non será necesario achegar a documentación establecida no artigo 12.3.c) e e) no caso de consentimento expreso da persoa interesada á Consellería do Mar para que consulte estes datos.
Artigo 19. Resolución.
1. A resolución concedendo ou denegando a suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación para o marisqueo a pé será ditada polas xefaturas territoriais da Consellería do Mar.
2. Na resolución farase constar o período polo que se outorga a antedita suspensión.
3. O prazo máximo para notificar a resolución expresa será de tres meses contados a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente, transcorrido o cal, de non ditarse resolución expresa, entenderase desestimatoria.
4. A resolución notificarase conforme o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Disposición adicional primeira. Baixa no censo de mariscadores/as.
As persoas que cumpran 65 anos ao longo do ano de validez do permiso de explotación serán dadas de baixa no censo de mariscadores/as correspondente, o mesmo día en que acaden esa idade, coa única excepción prevista na disposición transitoria quinta do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, interpretada da forma que establece a Circular do 19 de abril de 2011, da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños.
Disposición adicional segunda. Permisos de explotación en vigor.
Os permisos de explotación recollidos nesta orde e outorgados con anterioridade á súa entrada en vigor, manterán a súa validez.
Disposición adicional terceira. Permisos de explotación a pé para percebe.
A suspensión temporal da vixencia do permiso de explotación establecida no capítulo IV desta orde aplicarase ao permiso de explotación a pé para a extracción de percebe, regulado pola Orde do 6 de marzo de 2000, pola que se regula a explotación de percebe (Pollicipes pollicipes) como recurso específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición adicional cuarta. Solicitantes con sanción firme en vía administrativa en materia de protección de recursos.
Para a resolución favorable dos procedementos recollidos nesta orde será requisito imprescindible que a persoa solicitante non teña ningunha sanción firme en vía administrativa, en materia de protección de recursos, pendente de pagamento.
Disposición transitoria única. Réxime aplicable aos procedementos de renovación dos permisos de explotación para o ano 2012.
A renovación dos permisos de explotación de marisqueo a pé para o ano 2012 rexerase polo disposto na Orde de 31 de maio de 1995, pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.
Disposición derrogatoria única.
Derrógase o capítulo II da Orde do 31 de maio de 1995, pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento.
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2011.

Rosa M.ª Quintana Carballo
Conselleira do Mar
ANEXO I
Distribución xeográfica
Zona I. Vigo. Desde o paralelo que pasa pola desembocadura do río Miño ata o paralelo que pasa por punta Soavela.
Zona II. Pontevedra. Desde o paralelo que pasa por punta Soavela ata o paralelo que pasa por punta Faxilda.
Zona III. Arousa. Desde o paralelo que pasa por punta Faxilda ata o paralelo que pasa por punta Sieira.
Zona IV. Muros. Desde o paralelo que pasa por punta Sieira ata o paralelo que pasa por punta Insua.
Zona V. Fisterra. Desde o paralelo que pasa por punta Insua ata o paralelo que pasa por cabo Touriñán.
Zona VI. Costa da Morte. Desde o paralelo que pasa por cabo Touriñán ata o meridiano que pasa por punta Langosteira
Zona VII. A Coruña-Ferrol. Desde o meridiano que pasa por punta Langosteira ata o meridiano que pasa por cabo Prioriño.
Zona VIII. Cedeira. Desde o meridiano que pasa por cabo Prioriño ata o meridiano que pasa por cabo Bares.
Zona IX. Mariña. Desde o meridiano que pasa por cabo de Bares ata o río Eo.
missing image file
ANEXO II
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

No hay comentarios:

Publicar un comentario